Le peintre et son modèle I

Pablo Picasso. Le peintre et son modèle I

© Sucesión Pablo Picasso. VEGAP, Madrid, 2015.

  Registro: 1638

  Ano de creación: 1963

  Dimensións: 73.2 x 116 cm

  Técnica: óleo sobre lenzo

  Categoría: figuración

Comentario:

A serie “Pintor y modelo” é a última da súa carreira. Os doce anos que transcorren entre 1961, data do matrimonio de Picasso con Jacqueline Roque, e a súa morte en 1973 constitúen unha etapa de extraordinaria creatividade. Para Picasso o tema do artista e o seu modelo foi unha constante preocupación ao longo da súa vida; dicía: “Se non hai modelo non hai pintor”. Como di Paloma Esteban, Picasso, tras tratar todo tipo de temas, decidiu centrarse nos último anos da súa vida “no encontro, cara a cara, co proceso da creación artística”1.

É un tema con gran tradición na historia da arte (Vermeer, Rembrandt, Velázquez, Goya, Ingres, etc.), e que aparecera ao longo da súa traxectoria, pero é a partir dos anos 50, e sobre todo a partir de 1963, cando comezou a traballar nel de forma sistemática. Nesta serie Picasso leva a cabo unha homenaxe ao acto de pintar, ao proceso creativo mellor entendido ca nunca, pois é a homenaxe dun pintor ancián a si mesmo, á súa carreira. Ao final da súa traxectoria Picasso descoidou intencionadamente a técnica.

Se comparamos O pintor e o seu modelo con Paquet de tabac e verre , encontrámonos cunha obra compositiva e pictoricamente menos traballada e acabada, pero moito máis moderna e arriscada, acorde co espírito dun artista cunha carreira que sempre foi unha aposta pola innovación e a modernidade.


1Paloma Esteban, “Las Grandes series: el artista frente al proceso de creación”, en Picasso. Las grandes series (catálogo exposición), Madrid, MNCARS, 2001, páx. 85.