Le raisin noir

Juan Gris. Le raisin noir

  Registro: 1632

  Ano de creación: 1923

  Dimensións: 28 x 46 cm

  Técnica: óleo sobre lenzo

  Categoría: cubismo

Comentario:

As diversas fases do cubismo e as distintas direccións que tomara o movemento evolucionaron cara ao cubismo sintético, do que Juan Gris se converteu no seu máis destacado representante. O estilo cubista proclamaba unha pintura plana, bidimensional, allea á tradición da perspectiva e o claroscuro. Afastábase da representación da natureza, centrándose nunha gama temática moi limitada, como ocorre con este exemplo de natureza morta. Estas composicións creábanse a partir de obxectos cotiáns que, agrupados sobre unha mesa, acaparaban o primeiro plano cunha ausencia total de profundidade. A teoría do cubismo foise formando a través das reunións que tiñan lugar en París no edificio coñecido como "Bateau-Lavoir", onde vivían Picasso, o escritor Max Jacob e Juan Gris, e ás que asistían tamén Matisse, Diego Rivera, Cocteau e Apollinaire, quen publicaría Les peintres cubistes en 1913. Tamén tivo especial importancia a figura do marchante Daniel-Henry Kahnweiler, converténdose a súa galería no centro difusor deste movemento, a quen pertenceu orixinariamente este cadro. Na obra obsérvase xa un cubismo dulcificado, como unha lembranza romántica deste estilo. Aparece un retorno á orde onde a figuración volve recobrar protagonismo fronte á xeometría. Este bodegón poscubista, herdeiro da tradición e de Zurbarán, mostra esa volta ao clasicismo onde as formas van abandonando o plano grazas aos volumes e o claroscuro, dotando á obra dun maior naturalismo e serenidade. A cor alcanza unha maior forza expresiva fronte ás frías tonalidades que aparecen en anteriores obras. Recupérase a profundidade mentres o conxunto de elementos, cada vez máis reducido, se presenta sen ensamblarse sobre unha mesa, ocupando o seu propio espazo e respondendo a un ritmo estrutural. Juan Gris é un dos artistas máis destacados internacionalmente, gozando deste recoñecemento xa en vida, a través dos máis prestixiosos marchantes do momento como dos coleccionistas e os artistas coetáneos. Pero este recoñecemento á súa traxectoria artística tamén se prolongou na actualidade, sendo consideradas as súas obras como pezas clave dentro do desenvolvemento do cubismo converténdoo nun dos principais artífices deste movemento xunto a Picasso e Braque.