Místico

Místico

  Dimensións: 250x200 cm

Comentario:

    A obra de Darío Villalba xurde como unha reacción ás correntes artísticas que o preceden de forma inmediata, especialmente o pop art, que o artista consideraba frívolo e representativo, unicamente, da sociedade de consumo americana. Un tipo de arte, en definitiva, que daba as costas ás realidades máis profundas do seu tempo. Ante estas manifestacións baleiras, Villalba inicia unha recuperación do espírito da pintura mediante a busca de personaxes "más saturados, más límites, más al borde del abismo"1, que dotasen ás súas imaxes de contido. A pesar de considerarse pintor, parte da fotografía, que emprega para capturar aquelas imaxes que xurden ante el de forma espontánea e que, dalgunha maneira, espertan no seu interior un sentimento ou, simplemente, lle resultan suxestivos. A intención de Villalba é impactar visualmente, por iso comeza traballando en branco e negro, crea obras de gran formato e emprega personaxes límite. Deste modo aparecen os que Villalba denominou Juguetes Patológicos Para Adultos, "rígidas piltrafas, doilentes o serenas en la ambigüedad de la levitación o la horca" e, ante todo, emblemas cargados de misticismo. O artista manipulaba as fotografías, transformándoas mediante o emprego de pintura ou veladuras, que aumentaban o seu compoñente poético, á vez que enfatizaban o seu propio contido. Mistico,  é un destes Juguetes cos que Villalba chama a atención do espectador sobre personaxes e situacións que nos rodean, espertando a súa conciencia social e reclamando un compromiso. Estas imaxes outorgáronlle un temprano recoñecemento internacional tras o seu paso pola Bienal de Venecia de 1970 e o premio obtido na Bienal de Sao Paulo.

 

DARÍO VILLALBA: Documentos básicos (1957- 2000), CGAC, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2000.