Os siameses do círculo

Obra Os siameses do círculo. Menchu Lamas.

Os siameses do círculo. Menchu Lamas.

  Dimensións: 220x200 cm

  Técnica: Acrílico/tela

Comentario:

O forte cromatismo, encontrámonos ante un dos lenzos máis decorativistas da artista, unido á sinxeleza dos elementos e potenciada polo desmesurado tamaño do lenzo achegan forza e expresividade á composición final. A partir do círculo e a diagonal artículase toda a composición, completada cos dous motivos antropomórficos que organizan e compensan o resto da composición.

O primitivismo autóctono da súa iconografía, a base de grandes e impactantes imaxes-signo, e o cromatismo dos seus amplos e intensos campos de cor, leva á súa obra cara a un proceso sintetizador de vocabulario reducido e conciso pero aberto a unha interpretación libre e subxectiva da obra. A composición vese enriquecida polos efectos decorativos e o acertado uso da cor que fan desta unha obra singular, aglutinando toda unha bagaxe artística persoal coa súa singular visión do primitivismo e das artes tradicionais.

Lamas leva a cabo o proceso comunicativo da obra a través do xesto e as axitacións cromáticas, un espazo onírico no que as formas humanas se mesturan creando estraños seres híbridos e incomprensibles, pero sempre vinculados a unha tradición relixioso-mistérica ancestral. Estas contundentes figuras protagonizan e ocupan a práctica totalidade do espazo físico do tecido creando un complexo xogo de tensións dentro do propio eido artístico.

O conxunto actúa como compendio do primeiro período de Menchu e da estética de Atlántica en xeral. Lamas considérase unha das pedras angulares da renovación plástica galega dos últimos anos do século XX. Características como o gran formato, o impactante cromatismo e unha iconografía sinxela pero con forte carga expresiva acompañárono nunha traxectoria na que non deixou de evolucionar sen deixar atrás as súas raíces.