Pareja de amantes

Pareja de amantes. Carlos Sobrino

  Dimensións: 185 x 520

Comentario:

    O conxunto de pinturas realizadas por Sobrino Buhigas para o Café Moderno, é totalmente inusual dentro da traxectoria deste artista. Por unha vez, o pintor abandona a temática costumista e tradicional para sumerxirse no ámbito do simbolismo, entroncando coas correntes artísticas de finais do XIX. Baseándose nos personaxes da Commedia dell´Arte, Sobrino crea un conxunto onde a muller, se representa segundo os estereotipos do fin de siécle decimonónico,  unhas veces inocente e virxinal, coma neste exemplo, outras arteira, astuta e maliciosa, como Colombina, ou sensual e tentadora coma a Cortesana, pero sempre caracterizada por unha arrebatadora belleza. A Pareja de amantes,  é o núcleo do conxunto, presentando aos innamorati, arrededor dos que xira a acción na Commedia dell´Arte. Todos os elementos empregados polo artista, e aparentemente anecdóticos -o xardín, as hortensias, a arquitectura clásica, o sátiro e a Venus-, xustifican a escena que se desenvolve ante nós. Para representar este pasaxe, Sobrino optou por unha disposición dos elementos en friso e un peche telón, que remiten ao mundo teatral. En último termo, encontramos unha arquitectura de carácter clasicista que actúa como fondo escenográfico, mentres que a escena principal se representa nun único e primeirísimo plano. Nela, Carlos Sobrino, representa a un cabaleiro besando a man dunha dama, que se senta sobre un muro. Este muro, cara a súa parte dereita, convírtese nunha fonte en forma de cabeza de Sátiro, de onde brota a auga. Na zona da esquerda, opoñéndose á figura da moza, descansa unha imaxe dunha Venus, concretamente é a Venus de Vienne, que se encontra no Museo del Louvre.