Pintura habitada

Pintura Habitada. Helena Almeida.

  Registro: 1513

  Ano de creación: 1976

  Dimensións: 42,6 x 62,7 cm c/ud (14 ud)

  Técnica: fotografía sobre papel e pintura acrílica

  Categoría: fotografía, performance, simbolismo

Comentario:

Esta obra representa unha das etapas clave do traballo de Helena Almeida tanto técnica, conceptual coma compositivamente. As súas imaxes nacen da pintura, disciplina coa que experimentou durante toda a década dos 70. Está composta por unha escenografía secuenciada á maneira cinematográfica. A obra está conformada por unha serie de 14 fotografías en branco e negro, alterada por manchas de cor que a superpoñen. A composición expresa ideas e vivencias cargadas de narrativa. Nela apenas podemos ver o corpo da artista, só as súas mans e o seu torso en segundo termo. Este obxecto-corpo comeza a pintar a superficie que separa ao espectador do interior bidimensionado. Para a acción sérvese duns instrumentos mínimos: un pincel e pequeno bote, co que aplica a pintura coa man dereita sobre un lenzo visto “do revés”, ata cubrir toda a superficie de cor azul para que, unha vez rematado, o desprace coa súa man esquerda. A cor non se elixiu ao chou, senón que o azul simboliza o espazo e a enerxía, tamén empregado noutras series como Tela habitada (1976), ou Salida azul (1995). A obra evidencia a estrita manipulación que executa a artista sobre as imaxes coa introdución de elementos superpostos, que falan do desexo de alterar o espazo coa axuda do espectador. A pintura solidifícase na superficie para crear ao mesmo tempo dous planos ben diferenciados. A artista encóntrase atrapada na bidimensionalidade, loitando por abrir unha ventá, un espazo que a comprime. Pintura habitada sobresae polo poder de comunicarse directamente, de sintetizar coa filosofía de traballo de Helena Almeida, xa que reúne todas as posibilidades plásticas coas que traballa esta autora, sempre xogando cos seus límites e posibilidades.