Pizarra

Pizarra. Suso Murado.

  Dimensións: 200 x 250 cm

  Técnica: Óleo s/ lenzo

Comentario:

Pizarra é outro exemplo da produción levada a cabo por Antonio Murado durante os anos noventa. Empregando grandes superficies, con dimensións que rozan a estandarización –a maioría das obras son de 200 x 250 cm- o pintor realiza unha sorte de paisaxes metafísicas a partir de supeficies abstractas que, no entanto, encerran conceptos concretos. Trátase de obras que, sen poder ser estritamente denominadas experimentais, nacen do afán do artista por indagar no proceso creador da pintura. O recordo das superficies de cor de Marc Rothko aflora ante estes traballos que, no entanto, reaccionan ante os postulados do Informalismo e do Expresionimo Abstracto Americano, xa que a violencia da pincelada, o protagonismo da materia e a presenza explícita da man do creador son eliminadas radicalmente por Murado, que propugna un método creativo no que a pegada do autor e a materia desaparecen co fin de concederlle un protagonismo absoluto á propia pintura. Deste modo emparenta cos artistas da Abstracción Post-pictórica, e o seu traballo non tivo especiais resonancias na pintura española. O resultado son obras que parecen produto dun proceso industrial, non sendo polo emprego de múltiples veladuras que xeran os distintos matices da superficie e que son indicio da presenza do pintor. Non obstante, Murado desmárcase do grupo americano ao evitar despoxar de significado as súas obras, suxerindo a existencia doutras realidades que trascenden ao propio acto pictórico.