S/T

S/T

  Dimensións: 56x58x38 cm.

  Técnica: Refractario e óxidos

Comentario:

    Esta obra dos anos 80 baséase na xustaposición de placas que crecen en altura e que se coroan cunha cunca. Nesta época a ceramista céntrase na valoración do interior e en non delimitar claramente as diferenzas entre dentro / fóra. Comenta ao respecto: "Cada vez me preocupa más la no limitación del interior y exterior de la forma y el color para conseguir una mayor sugerencia de movimiento, en donde el interior y el exterior sean equivalentes en un todo"1. Leva a cabo unha investigación baseada na fragmentación, superposición e xustaposición para crear ritmos que achegan movemento e verticalidade aos seus traballos. Fai cortes na materia creando seccións. Na memoria aparecen alusións a primitivos pratos ou cuncas que se desfán a causa dun movemento centrífugo veloz, que remite ao proceso de elaboración de pezas no torno.

    Nesta peza Colmeiro trata de recuperar un espazo que no traballo do torno quedaba relegado a unha función utilitaria, non expresiva. As formas imprégnanse dunha idea que é fundamental para a autora: a liberdade. Xa na escola se sentía incómoda porque a metodoloxía docente tendía a dirixir estritamente o seu desenvolvemento e, como dicía ela, non lle deixaban equivocarse. Le, por aquela época, un libro inglés (Los defectos como efectos) que a reafirma noutro dos seus conceptos fundamentais, a imperfección. "Sin ponerme ningún límite que me pueda acondicionar conceptos definidos. El proceso de creación va evolucionando conforme ella se siente cada vez menos vasalla de la técnica. El azar es reconocido como modus operandi. Comenta: "A mi me gustaba la irregularidad de la imperfección (...). Con el tiempo me dí cuenta que la perfección a lo que llevaba era la frialdad (...). Qué importa la perfección, el sentir el valor de una forma es otra cosa"2.

    O proceso creativo compaxina  o que xurde de maneira espontánea durante a súa execución cunha estruturación mental previa. Xustifícao dicindo que as ideas acuden con maior rapidez que o proceso manual, por iso procura deixar todas as suxestións posibles para que o observador poida, segundo a artista, "con su sentir hacer válido lo que perciba"3. Aproveita a potencialidade do casual. É frecuente percibir o sinal dos dedos da escultura onde o oco se elimina para potenciar a masa que recibe cortes na materia para crear seccións.

    Os materiais utilizados, nesta obra, son o barro refractario e óxidos para crear a cor. A superficie adquire un aspecto áspero onde o matérico adquire un protagonismo fundamental. A cor, aplicada en diferentes capas, adáptase á superficie.


1 COLMEIRO, E., en Elena Colmeiro (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1994.

2 Op. cit. 

3 Ibídem.