S/T

Obra S/T de Cristina Iglesias

  Dimensións: Medidas variables

Comentario:

O espazo, a experiencia perceptiva e o espectador, sen o cal a obra nunca tería sentido, son os principais ingredientes manexados por Cristina Iglesias para elaborar as súas pezas. Conxugando estes compoñentes, a escultora explora as capacidades do espazo para xerar sensacións e conseguir que o espectador se somerxa nelas. Son espazos estáticos que, no entanto, se activan ante a presenza daquel que se aventura nel, obrigándoo a pór en marcha a súa capacidade perceptiva e a interaccionar con eles para poder abarcar a obra.

As creacións de Cristina Iglesias responden a un tipo de escultura que comezou a forxarse nos anos 60 cos escultores americanos do minimalismo, e que se denominou "do campo expandido". Tratábase de esculturas que, paulatinamente, foron abandonando unhas dimensións reducidas para colonizar e transformar o espazo circundante, público ou privado, e dialogar de maneira directa co espectador, modificando a súa percepción espacial e obrigándoo a manter unha relación física coas propias pezas.

Este tipo de obras contan cunha compoñente escenográfica especial que xera no espectador unha idea de posta en escena. Tras un par de décadas explorando a capacidade da escultura para modificar o espazo e influír sobre o ser humano e o seu contorno, a finais dos 90, a escultora comeza a elaborar habitacións labirínticas formadas a partir de elementos cotiás terxiversados, que actúan como reclamos para o público. Estas pezas atrapan a súa mirada e incítano a penetrar e percorrer o labirinto, espazo onde se culmina o acto da percepción. No interior destas habitacións os estímulos multiplícanse, marcando o ritmo de avance dos que se aventuran nelas. A necesidade de realizar un percorrido incorpora unha nova compoñente, a temporal, onde a súa cadencia se determina pola propia ollada. Cristina Iglesias resalta como o acto de mirar incorpora unha dimensión temporal, require un tempo para a percepción e outro para a asimilación. O resultado é unha secuencia semellante á cinematográfica, que pode remitir unicamente á ollada o que, coma nestes espazos labirínticos, implica realizar o percorrido.

A escultora apela aos sentidos para capturar a atención do espectador e invitalo a involucrarse na peza. En S/t os sentidos estimulados son a vista e o tacto. Para iso combina as celosías, retomadas da tradición do mundo musulmán na Península, con elementos que remiten á natureza e recobren algunhas opacas que delimitan o espazo. Deste xeito, e unha vez no interior da mesma, xera reclamos externos e internos.

Cristina Iglesias incorporou as celosías ás súas obras en 1997. Estes elementos actúan coma unha pantalla que abre e ao mesmo tempo pecha a visión a un mundo exterior, xogando co íntimo ou privado e o público. Estas superficies perforadas permiten xogos de luz que secuestran a ollada do espectador e lle amosan un enigma, ao esconder unha mensaxe en forma de texto. As letras que conforman estes discursos funcionan como elementos autónomos. A obra precisa un compromiso físico por parte do espectador. En palabras da propia artista "... os signos aparecen coma códigos aparentemente descifrables e ao mesmo tempo azarosos". A pesar de tratarse dunha linguaxe directa e doada de captar, os textos preséntanse coma un xeroglífico, un criptograma que implica un tempo de contemplación ata descubrir a súa estrutura, desentrañar o misterio da celosía e dar sentido a canto hai escrito.

Os elementos vexetais, mentres tanto, remiten ao mundo opaco da parede, copado por unha vexetación de evocación fantástica que se recrea polos materiais empregados pola artista. Nestes muros trabállanse os valores tactis da peza, empregando superficies profusamente texturadas. A vexetación é en realidade un único motivo que se repite unha e outra vez conformando unha maraña que cubre todo o muro. Non se trata de elementos reais, senón de recreacións da propia natureza nacidas da imaxinación da autora. Deste modo, xoga co engano e o ilusionismo, o trompe l´oeil, pero sen sentir interese en crear ilusións. Quere que o espectador crea na ficción por un momento para logo descubrir que todo é falso. Este ilusionismo non só alude ás formas da parede, os propios materiais entran tamén no xogo. A escultora emprega "materiais que menten", madeira e breas especiais que son recubertas con po de bronce, ferro ou cobre e patinadas posteriormente, para recrear estes metais. Agora os materiais modernos imitan e substitúen aos clásicos, máis pesados e custosos para os grandes proxectos.

Nada queda ao azar nas obras de Cristina Iglesias. As emocións que quere espertar no espectador, a maneira en que este debe comportarse, a forma en que actúan as superficies, foi milimetricamente calculada pola artista para xerar uns "mecanismos perceptivos" que o espectador debe desentrañar mediante a súa propia experiencia.

A maneira en que a peza interactúa co espazo e co espectador, a idea de ilusionismo que debe ser descuberto, os xogos de contraposicións (artificio-realidade, luz-sombra, dinamismo-estatismo), o carácter escenográfico das obras ou a necesidade do movemento para aprecialas, son todos eles principios que foron desenvolvidos na arquitectura barroca do século XVII, e que Cristina Iglesias actualiza e acomoda ao mundo contemporáneo e a unha disciplina, a escultura, que no século XX aprendeu a dialogar de ti a ti coa arquitectura.