S/T

Obra S/T. Antón Patiño

Obra S/T. Antón Patiño

  Dimensións: 240x195 cm

  Técnica: Mixta sobre tecido

Comentario:

Este enorme políptico componse de nove pezas alineadas, a través das cales o autor nos expón algúns dos principais sinais de identidade da súa produción. O espazo plurifocal constrúese a partir da disposición ordenada dunha combinación de imaxes dobres, as máscaras, de forte carácter primitivista, xunto coas buguinas e outros símbolos aproximannos á iconografía dunha Galicia primixenia. A través dunha lectura secuencial, e por medio de variacións cromáticas violentamente expresionistas, o autor aproxímanos ao mundo da emblemática galega.

O mundo pictórico de Patiño baséase na forza emblemática das imaxes e na xestualidade e intensidade das cores, encontrámonos ante unha gama cromática propia da época de Atlántica, mesturando verdes, vermellos e amarelos. O pintor recompón os fragmentos dunha tradición ancestral que nos remite a unha formación expresionista de gran forza xestual e un cromatismo exaltado e vital. Tomando nocións picassianas da arte africana acércaas ao seu mundo, un mundo apegado a unha tradición tan marcada como é a galega.