Seica 289. Deli consa en caixa dadaseda

Seica 289. Deli consa en caixa dadaseda. Xesús Carballido.

  Dimensións: 115x199´8x 13´5 cm

Comentario:

A obra de Xesús Carballido participa de múltiples tendencias, pero serán as vertentes Dadá e as buscas surrealistas as que exerzan unha maior influencia na creación dunha linguaxe profundamente persoal. A modo dos duchampianos ready-mades este artista toma elementos da vida cotiá para integralos dun modo equilibrado no feito artístico.

Carballido rescata recordos dun mundo pasado, unha serie de obxectos que o tempo e a sociedade deixaron sen función. Son obxectos de fácil recoñecemento que crean unha forte relación de empatía co espectador. Estas pequenas escenografías fomentan toda unha serie de asociacións de ideas entre os obxectos ensamblados e o propio espectador.

O artista crea obxectos a partir das máis dispares asociacións. A fragmentación casual que achega a colaxe esconde unha certa orde latente na memoria visual colectiva. A modo dun enorme escaparate a obra preséntanos aos máis variados e dispares obxectos, dende un soldadiño de chumbo ata un almanaque ou a sola dun zapato, obxectos que formaron parte da vida de persoas pasadas, e que, en certo modo, forman parte dos nosos recordos.