Tiagua

Tiagua

  Dimensións: 200x229

  Técnica: Mixta, pasta de papel s/ madera

Comentario:

A evolución artística de Canogar ao longo da súa vida, foi sempre fiel aos seus principios, aínda que a súa obra se viu sometida constantemente a novas linguaxes e tensións, alternando por exemplo, entre abstracción e figuración, e mesmo introducindo elementos  como papel, cartóns e distintos vernices.
    
   Na súa orixe, a obra de Canogar xorde condicionada pola convulsa primeira metade do século XX, marcada polas dúas guerras mundiais, o inestable período de entreguerras e a Guerra Civil Española. É un revulsivo en resposta á soidade e ao desamparo do ser humano ante os desastres que lle tocan vivir. A pesar de ser un innovador na súa época, arriscándose cunha arte totalmente diferente da establecida, non se desvincula da tradición española, sobre todo da forma artística. Isto apreciámolo no cromatismo que emprega, predominando na súa obra o negro, ademais de cores cálidas coma o vermello ou o pardo.

    
    A cor negra empregada polos pintores modernos españois, encabezados por Goya, sérvelle para plasmar os desastres das guerras, da pobreza, a soidade, recreando a "España negra". Pero, sempre na súa liña, o artista soubo unir a esta tradición a vangarda e a innovación. As súas primeiras obras xorden do informalismo e pouco a pouco se transforman, sen perder de vista esta primeira etapa, facendo desagregacións de obras anteriores, engadíndolles novos detalles e novos materiais.

    
    En Tiagua, realizada na década dos noventa, emprega planos cuadrangulares que se alternan en superficies lisas e rugosas. A materia parece torada e superposta creando unha superficie complexa que recobre de grosas pinceladas, mentres introduce elementos, como a pasta de papel, que axuda a crear unha orografía rugosa de avultado relevo. Predomina a cor escura que contrasta cunha liña branca que divide a superficie en varios planos, outorgándolles esa forma cuadrangular. Dende esta década as súas obras introducen tamén elementos alleos á pintura, como cartóns, vernices e mesmo fragmentos fotográficos, exemplificando o espírito inquieto do artista e a súa capacidade de renovación.