Toma de tierra nº 2

Obra Toma de tierra nº 2 © foto Paolo Pellion di Persano

© foto Paolo Pellion di Persano

  Registro: 672

  Ano de creación: 1993

  Dimensións: 67 x 145 x 120,5 cm

  Técnica: ferro

Comentario:

As pezas máis características de Susana Solano son as súas esculturas a base de pezas de chumbo e ferro, que dende os anos 90 se completan co emprego de malla metálica que, segundo a súa textura e grosor, manipula como se dun tecido se tratase. O resultado son obras altamente sensoriais, fundamentadas no tacto, e que se dispoñen polo espazo expositivo apelando a unha percepción total. Á hora de realizar as súas obras, a artista recorre ás súas vivencias cotiás e aos obxectos do noso día a día, que son asimilados, reinterpretados e convertidos en esculturas que modifican o espazo expositivo, á vez que o enchen de significado. O espazo é un dos principais compoñentes que Solano ten en conta á hora de crear as súas obras, pois está relacionado co tempo -elemento perdido ante a velocidade vertixinosa da vida- de aí a necesidade da participación activa do espectador. Non obstante, estas pezas van máis aló do meramente sensorial, transportándonos ao eido do simbólico. A artista trata de denunciar a falta de interioridade das persoas e a sociedade deshumanizada do noso tempo, na que o home se encontra atrapado, convertido nun corpo-máquina dende o momento no que deu as costas ao seu propio enigma.

Toma de tierra nº 2  é unha gaiola opresiva que se suspende no baleiro, provocando unha sensación de inseguridade, inestabilidade e angustia. Trátase dunha obra silenciosa e muda -a pesar do seu forte compoñente subxectivo- que cede o protagonismo ao labor perceptivo do espectador, que debe captar o paso do tempo e tomar conciencia de si mesmo. Para Susana Solano "el arte no existiría sin el misterio de lo inexplicable", de aí que as súas obras sexan pezas pensadas, non para dar respostas, senón para facer que o espectador, co-protagonista das mesmas- se formule as súas propias preguntas.