Verre et raisins

Verre et raisins. Georges Braque

Verre et raisins. Georges Braque

  Registro: 1599

  Ano de creación: 1930

  Dimensións: 24.5 x 33 cm

  Técnica: óleo sobre lenzo

  Categoría: cubismo

Comentario:

Verre et raisins é un espléndido exemplo da súa etapa poscubista. Cando Braque pintou en 1930 Verre et raisins, había anos que non frecuentaba a Picasso. Nesta obra vese que a xeometría se atenuou, pero seguen existindo moitos dos elementos típicos do cubismo, como a liberdade na perspectiva e a capacidade de deformar os elementos. Pero en vez de executar a obra cunha intención de converter as formas en elementos xeométricos, o motor é puramente lírico e plástico. Como Picasso, tras a revolución cubista botou unha ollada á tradición clásica. As uvas e o vaso non se descompoñen en formas analíticas, tampouco son sintetizadas, senón que son perfectamente recoñecibles segundo a tradición pictórica, pero sen perder o pulso da pintura de vangarda. En vez de descompoñerse en planos, as uvas e o vaso son suxeridos pola cor. Braque di: "forma e cor non se confunden. Hai simultaneidade"1.

É quizais unha das épocas máis recoñecibles de Braque. Eliminado todo compromiso cubista encamíñase cara a un maior lirismo, para apelar menos ao intelecto e máis aos sentidos ("o cometido da arte é turbar"2) e isto lévao a unha pintura máis ornamental, con formas máis voluptuosas e plenas, froito da man dun gran pintor que consegue facer convivir perfectamente nos seus cadros a vangarda máis radical, da que foi e é protagonista, coa tradición pictórica.

José Ignacio Abeijón y Miriam Sainz de la Maza


1 Georges Braque, El día y la noche, El Acantilado, Barcelona, 2001, p. 37. 

2 Ibid, p. 13.