Artista de formación autodidacta que desenvolveu unha intensa actividade expositiva desde 1968, ano da súa primeira mostra individual, dentro da chamada «Pintura-Pintura» no Museo Arqueolóxico de Ourense. A finais dos anos sesenta, tras unha etapa de referencias á Galiza, orientouse cara ao expresionismo abstracto, de gran liberdade e, en ocasións, automático. Participou en Arco en 1980 da man de Juana de Aizpuru. Poeta e pintor, durante 1983-1984 foi membro do comité de redacción da revista Comercial de la Pintura. En 1984 a súa obra dá un xiro cara a unha pintura en que conviven abstracción e naturalismo: recorre a miúdo á metáfora, con temas de paisaxe, motivos mitolóxicos e imaxinaría pop. Realiza series acerca de temas como o estudo como refuxio, a viaxe como idea romántica, a mitoloxía clásica, Xapón e a súa cultura, e a fascinación polo mundo moderno.
En 1985 realizou dúas exposicións individuais moi importantes, unha na galería Buades e outra en Siboney. Nestas exposicións o seu método de traballo está conformado como algo rematado e pechado. Entre 1989-1991 realizou a serie de batallas, reunidas baixo o título “La memoria es una noche estrellada” que fai referencia á obra de Cabanillas e é presentada no Banco Zaragozano en 1991. En 1994 presentou na Galería Juana de Aizpuru a serie chamada “La internacional”, que anticipa a desaparición das figuras e o papel protagonista dos anagramas característicos dos seus traballos máis recentes. As mostras da súa obra, individuais ou colectivas, sucédense por todo o territorio nacional e a súa obra está presente non só en coleccións particulares, senón tamén en coleccións institucionais, como a do Museo Municipal de Belas Artes (Santander) e a Colección de Arte ABANCA (A Coruña).