Fernández, Almudena

  (Vigo  1970 - )

No ano 1995 licenciouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde actualmente é profesora asociada. Dous anos despois finalizou os cursos de doutoramento en Salamanca, cunha bolsa concedida pola Fundación Caixa Galicia para realizar o curso 1996/97 na Ecole de Beaux Arts de Le Mans (Francia).  Anteriormente en 1994 a Universidade de Vigo concedeulle unha bolsa Erasmus que lle permitiu viaxar a Irlanda, asistindo á School of Art and Design de Limerick, contando ademais coa bolsa "Novos Valores" da Deputación Provincial de Pontevedra. Como complemento á súa formación asistiu aos talleres de Juan Hernández Pijuán na Fundación Marcelino Botín de Santander, ao de Rafael Canogar: "Pablo Ruíz Picasso" e ao de Lucio Muñoz na Fundación Unión Fenosa da Coruña, e en 1999 ao de Jürgen Partenheimer no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela.

Nunha primeira etapa, a súa obra tende á abstracción, e está chea de colorido e expresión. Ten a vontade de suxerir unha "paisaxe" sensual na que a escritura palidece ante unha atmosfera pictórica predominante da que parece fluír unha vibrante enerxía. O complexo entramado de liñas superpostas, rectas e curvas, dispostas en múltiples direccións, queren falarnos simultaneamente da orde e do caos, do visible e do oculto.

Foi premiada en varias ocasións: Primeiro Premio de Pintura, Universidade de Vigo, e Primeiro Premio de Pintura, Fundación Rutas do Románico de Pontevedra, en 1993; Premio Francisco Goya, Madrid, 1996; Premio Adquisición Bienal Laxeiro, 1995 e 97; Premio Adquisición Isaac Díaz Pardo, 1999; Primer Premio L'Oreal, 2000. 

A súa obra forma parte de importantes coleccións institucionais como a do Concello de Tui, Fundación Caja Madrid, Colección de arte Afundación, Deputación Provincial de Pontevedra, Universidad de Santiago de Compostela, Ayuntamiento de Madrid, Ayuntamiento de Hondarribia, Concello do Barco de Valdeorras, Deputación da Coruña, Colección do Consello de Contas de Galicia, Colección L'Oreal, Hispania, Museo de Pontevedra, entre outras.

 Bolseiros en Artes Plásticas da Fundación Caixa Galicia. 1998. Almudena Fernández (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1998.

Almudena Fernández. Pinturas recientes (catálogo), Galería Sargadelos, Santiago de Compostela, 1996.

Cuarto Salón de Otoño de Pintura 2002 (catálogo), Deputación Provincial da Coruña, A Coruña, 2002.

Galicia Arte. Arte Contemporáneo I, Hércules Ediciones, A Coruña, 1993.

Novos camiñantes (catálogo), Xacobeo'99 Galicia, Xunta de Galicia, A Coruña, 1999.

PABLOS, F.: A Pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias, Nigratea, Vigo, 2003.

III Premio de Pintura para Novos Valores José Malvar (catálogo), Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 1997.

No principio era a viaxe. 28 Bienal de Arte de Pontevedra (catálogo), Deputación Provincial de Pontevedra, Vigo, 2004.

Ver menos 

Obras do artista