Rey Gómez, Beatriz

  (A Coruña  1939 - )
  Alias: Beatriz Rey

Aínda que por motivos familiares vivía boa parte do ano en Madrid, nunca perdeu o contacto con Galicia, onde viaxa frecuentemente. Durante estas estanzas tivo oprtunidade de coñecer membros da vangarda artística e intelectual  galega, grazas á amizade de seu pai, José Rey, con Isaac Díaz Pardo, ao que axudou a poñer en marcha a Fábrica de cerámicas do Castro, en Sada (A Coruña). Deste xeito, tivo a oportunidade de coñecer a Luís Seoane, Rafael Dieste, Laxeiro, Arturo Souto, Eduardo Blanco Amor, Colmeiro e Ben- Cho-Sey, entre outros. Presenciar os seus faladoiros permitíulle coñecer Galicia, as consecuencias da emigración e do exilio.

Estes encontros con artistas e intelectuais espertaron nela o desexo de prepararse para ser pintora. Licenciouse en Bellas Artes pola Escuela de San Fernando en Madrid, graduouse en artes Aplicadas e é profesora de debuxo. En 1966 obtivo a bolsa da Residencia de Artistas en Segovia e realizou os cursos de Mural na cátedra de Villaseñor (Facultad de Bellas Artes de San Fernando). Ao longo da súa traxectoria obtivo varios premios: a Mención de Honor do Certamen Internacional de Puerto Príncipe, Benalmádena (Málaga, 1981), a Mención Especial Premio "Cuidad de La  Coruña" (1982) e o Premio Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña (1990).

A pintura permitiulle un "cultivo del espíritu y del arte en todas sus expresiones "1, xa que a arte ten para Bea Rey moito de íntimo e persoal. En palabras de Marisa Candal, "a través de su obra la artista dilucida su propia vida: sus pensamientos, sus emociones, sus sentimientos y sus deseos"2, que son peneirados mediante exploracións no campo da forma que lle serven para trascender os propios obxectos "separando lo propio de lo ajeno "3. Na súa pintura a artista representa os obxectos tal e como os percibe no seu interior de aí que a súa obra sexa unha extensión do seu propio eu, e da súa forma de ver e sentir o mundo que a rodea.

En toda a produción de Bea Rey pódense atopar constantes como o tema dos xéneros, coa dicotomía home-muller, e o mundo dos obxectos. Dende os seus comezos pasou por distintas etapas diferenciadas polos estilos pictóricos empregados. Abstracción-Xeométrica e Pop Art (1971- 75), Surrealismo (1976- 1980), Expresionismo (1987- 1990) e Neocubismo (1990- 97) son postos ao servizo das súas preocupacións habituais.

Nos anos 70 comeza realizando imaxes sobre a súa propia comprensión do maculino e o feminino. Home e muller asócianse á liña recta e curva ―respectivamente― e á síntese de ambos en formas xeométricas. As liñas rectas-masculinas suxiren permanencia, estatismo, mentres as curvas- femininas: fluidez e dinamismo. O equilibrio entre opostos e as dualidades empregadas suxiren unha síntese de todo o creado que resume a imaxe que a autora ten do mundo e a súa realidade.

Da exploración de tipo formal da primeira etapa a artista pasa á busca dos niveis emocionais e intimistas, recurrindo ao surrealismo. Agora "el ser humano se sitúa en el mundo procesando a través de su cuerpo la información del ambiente en el que se haya inmerso. Los objetos de su entorno le penetran y pasan a formar parte de él, convirtiéndole en una máquina, en un híbrido"4.

Entre 1987- 90, coincidindo coa súa etapa expresionista, céntrase na representación dos ollos, como metonimia do ser humano e a súa identidade. Neles concentra os sentimentos de soidade e incerteza que empapan este período. Na súa etapa neocubista Bea Rey recupera o tándem home- muller e reflexiona sobre os sentimentos, o amor e as relacións humanas, en cadros compostos a modo de colaxe, con distintos obxectos cotiáns que constrúen a realidade da parella. Así mesmo traballa coa propia identidade dos obxectos, que ocupan un lugar propio no mundo da artista, como adquirindo unha identidade. A idea que move estas obras traslócese nitidamente na serie "Robinson Crusoe", dedicada a unha personaxe que se encontrou a si mesma nunha illa a base, non de fuxir dunha realidade, senón de aceptala, integrándose nun novo entorno e construíndo a súa propia vida.

A  sua obra forma parte das coleccions do Museo Municipal de Lugo, Museo Carlos Maside en Sada (A Coruña), Museo de Arte Contemporáneo de Granada, Asamblea de Madrid, Caja Postal de Madrid, Museo Municipal de Cuenca, Colección de Arte Contemporáneo de Villafamés (Castellón), Biblioteca Nacional de Madrid, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Museo de Grabado de Arte Contemporáneo de Marbella, Museo del dibujo de Jaca, a Colección do Concello da Coruña, entre outras.


1Bea Rey, Casa de Galicia (Madrid), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1998.

2 Ibídem.

3 Ibídem.

4 Ibídem.

BLAS, J.I. de: Diccionario de pintores españoles contemporáneos .

CHÁVARRI, R.: Artistas contemporáneos en España

CHÁVARRI, R.: La Pintura Española Actual .

Enciclopedia Gallega, Silverio Cañada, 1972- 1993.

Grupo Puerta del Sol- Ra del Rey Ediciones.

MANNES, T.: Espanjaisia kuvia.

MÓN, F.: Pintura Gallega .

MÓN, F.: Gaceta del Arte.

Ver menos