Cáccamo, Berta

  (Vigo  1963 - )

Herdeira, ao igual que os seus irmáns, da tradición cultural acumulada polo seu pai escritor1, comezou a súa formación artística na cidade de Barcelona, onde acudía ás clases da Facultade de Belas Artes de San Jordi2. Aquí contacta co movemento primitivista-neoexpresionistas (Grupo Cobra), en voga a principios dos anos 80.

Licenciouse en 1986, e ao ano seguinte incorporouse a "Atlántica". Coa súa obra de teas esgazadas que sustentan mapas e signos, e nas que reclama unha poética da oquidade e o valeiro, Cáccamo afástase da plástica galega destas décadas. 

En 1987 o Colectivo Alecrín, o Concello de Vigo e outras institucións, preocupados pola débeda histórica contraída coas mulleres no mundo artístico, organizaron a Bienal de Artistas Galegas. Berta Cáccamo beneficiouse do pulo desta inicitiva, expoñendo o seu traballo en varias convocatorias. Ao ano seguinte recibiu a bolsa Manuel Colmeiro da Xunta e foi seleccionada para a mostra de arte nova do INJUVE de Madrid. Deste modo, a súa obra, comezou a ser exposta por toda a xeografía peninsular. Tras obter a III Bolsa de Creación Banesto trasladouse a vivir a París, estudando entre 1990 e 1991 na Cité International des Arts. Alí  profundizou no coñecemento das civilizacións clásicas e orientais, que pouco a pouco se filtrarían nas súas obras. Posteriormente foi bolsada para a Academia Española de Roma.

O seu carácter vaise definindo partindo do traballo de Miró, que lle inspira a idea de esencialización e o rexeitamento a todo o superfluo. Cáccamo conxuga esta mínima expresión co peso escenográfico de signos e símbolos, influencia directa da obra de Tápies. Segundo Estrella de Diego "A obra de Berta Cáccamo achégase a unha linguaxe que, por calificalo dalgún modo, poderiamos chamar posminimal: herdeiro dos deslizamentos da pintura de Morris Louis ou as manchas de cor de Frankenthaler". 

Nos seus primeiros traballos a materia é a protagonista fundamental, conformando figuras e signos que colorea profundamente. A finais dos anos 80 practica unha pintura que se disolve en capas cada vez máis leves, buscando resaltar a presenza do soporte. Materia e símbolos convértense agora en sombras que ameazan con desaparecer por completo. A comezos dos anos 90 o soporte pasa a ter maior relevancia, chegando a ser o protagonista absoluto da obra. Nestes anos entran tamén na xeometría e as sombras, caracterizadas polo emprego de tons neutros, negros e grises que configuran obras silenciosas pero intensas na súa expresión metafísica.

A súa obra pictórica está en estreita relación coa obra en papel, xa que a artista traslada os efectos creados no proceso con papel ás teas. Para ela, parafraseando a Xavier Seoane, é antigüidade desfeita, historia remota e cousa familiar. Pintura xeradora dunha poética propia que oscila entre a grafía e a pintura.

Actualmente é profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

A súa obra forma parte dos fondos da Colección Caixa de Pensións (Barcelona), Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela), Museo de arte Contemporánea. MAC (A Coruña), Museo Provincial (Pontevedra), Academia Española de Belas Artes (Roma), Comunidad Autónoma de la Rioja (Logroño), Concello de Carballo (A Coruña), Deputación da Coruña (A Coruña), Colección Banco de España (Madrid), Colección Grupo Argentaria (Madrid), Colección Interarte (Valencia), Colección Arte Galega (Xunta de Galicia), Colección de arte Afundación (Vigo), Colección Hércules de Ediciones (A Coruña), Colección Salvador Riera (Barcelona), entre outras.


1 O escritor José María Blázquez. Os seus irmáns son o poeta Xosé María A.Cáccamo e o novelista Alfonso Álvarez.

2 Terá como profesores a Teresa Blandi, Susana Solano ou Ferrán García Sevilla. Algúns críticos citan como referente plástico fundamental, desta época, a Tápies. Así, a artista, traballa a forma e o carácter simbólico-conceptual da obra. 

II Bienal de Artistas Galegas (catálogo), Concello de Vigo, Vigo, 1980.

"La abstracción en Galicia", Monográfico de  A Trabe de Ouro, tomo III, Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 1993. 

ÁLVAREZ BASSO, C.: De Galicia: nuevos creadores/ novos creadores galegos. Dario Álvarez Basso, Xoan Anleo, Guillermo Aymerich, Berta Cáccamo, Pamen Pereira (catálogo), Consellería de Cultura e Deportes, Xunta de Galicia; Instituto de la Juventud, Ministerio de Asuntos Sociales, Madrid, 1988.

Arte e Solidaridade (catálogo), Proxecto Home Galicia, Vigo, 1995. 

A arte inexistente. As artistas galegas do século XX (catálogo), Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1995.

Berta Cáccamo (catálogo), Baiona Horizonte Atlántico, Baiona (Vigo), 1989. 

Berta Cáccamo (catálogo), Galería Alfonso Alcolea, Barcelona, 1990.

Berta Cáccamo (catálogo), Galería Fluxus, Oporto, 1991.

Berta Cáccamo (catálogo), Bolsa de creación artística no estranxeiro Unión Fenosa, A Coruña, 1994.

Berta Cáccamo (catálogo), Galería Antonio Puyó, Zaragoza, 1995.

Berta Cáccamo (catálogo), Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1998.

BLANCH, T.: "Condensaciones de un universo turbulento", en Berta Cáccamo (catálogo), Galería Trinta, Santiago de Compostela, 1994.

BLANCH, T.: Áreas de silencio y extrañeza, III Bolsas de creación artística Banesto, Madrid, 1992.

BLANCH, T.: Os tres segredos de Berta (catálogo), Galería Fluxus, Oporto, 1991.

CASTRO X. A.: Pintores e Escultores Galegos na EXPO'92 (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1992.

Colección de Arte Xunta de Galicia (1986-1993), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1995.

Enciclopedia Galicia Arte. Arte Contemporánea I, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1993. 

FERNÁNDEZ-CID, M.: As linguaxes individuais: Berta Cáccamo, Expo'92, pavillón de Galicia, Sevilla, 1992.

Foron Novíssimos, (catálogo), Centro Torrente Ballester, Ferrol, 2003.

Galicia hoxe, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1997.

GONZÁLEZ-ALEGRE, A.: O Camiño trazado, Galería Abel Lepina, Vigo, 1987.

GONZÁLEZ-ALEGRE, A.: III Becas Banesto "ARCO'92" (catálogo), Banco Español de Crédito, Madrid, 1992.

Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa: fondos 1989-1998, Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa, A Coruña, 2000.

As novísimas. Pintoras galegas (catálogo), Casa das Artes, Vigo, 1995.

PABLOS, F.: A Pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias, Nigra Trea, Vigo, 2003.

PÉREZ LUIS, F.: La lengua adánica, Baiona Horizonte Atlántico, Baiona, 1989.

PINTO DE ALMEIDA, B.: Para una casa de Berta Cáccamo, Galería Abel Lepina, Vigo, 1987.

PINTO DE ALMEIDA, B.: Os tre segredos de Berta (catálogo), Galería Fluxus, Oporto, 1991. 

Pintores e Escultores Galegos na EXPO'92 (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1992.

"Revolución, Darío A. Basso y Berta Cáccamo", en PHARO THE BEGO - Suplemento bimensual del Faro de Vigo, xullo de 1986.

QUERALT, R.: Berta Álvarez Cáccamo, Salón de la Crítica, Interarte'90, Valencia, 1991.

SEOANE, X.: "Berta Cáccamo", en Urbe, Natura, Cosmos, Casa da Parra, Santiago de Compostela, 1995.

Xoán Anleo, Berta A. Cáccamo, José M. Calzada [et. al] (catálogo), Océano Atlántico, Pontevedra, 1990.

Ver menos 

Obras do artista