Monteserín, Demetrio

  (Villafranca del Bierzo  1876 -  1958)

Nado nunha familia acomodada de Villafranca del Bierzo, trasladouse a León para realizar o bacharalato, e posteriomente a Madrid, onde estudou Belas Artes na Academia de San Fernando. Na capital comezou a traballar como ilustrador gráfico en publicacións como Nuevo Mundo, Blanco y Negro -onde chegou a ter o posto de redactor artístico- ou La Esfera, compaxinando esta actividade coa vida nocturna dos salóns e cabarets, que influíron de maneira directa na súa produción artística.

 En 1903 trasladouse a Pontevedra para realizar unhas pinturas murais no Café Moderno: as Escenas de Cabaret, que pinta na cafetería, e a decoración do artesoado do salón de los faladoiros, consistente en quince pequenas bóvedas con motivos vexetais. Tamén se lle atribúen os murais do desaparecido Balneario da Toxa, coincidentes cronoloxicamente, aínda que non hai documentos que deixen constancia desta autoría.

 Catro anos despois casou en Astorga con Carmen Núñez Goy, unha muller procedente dunha familia adiñeirada, con quen tivo dúas fillas. A raíz da voda fóronse de "lúa de mel" a París e Niza, onde pasaron unha longa temporada.
Á volta desta viaxe trasladáronse a Madrid, e posteriormente a Astorga. Nesta época abríu un estudio de pintura en León, onde formaba a numerosos pintores locais, ademais de colaborar con Ángel Julián no obradoiro de artes gráficas de Astorga, realizando portadas para libretos de zarzuela e outras publicacións.

Finou en León, en outubro de 1958. 

ALONSO FERNÁNDEZ, L.: Pintores leoneses contemporáneos , Caja de Ahorros y Monte de Piedad de León, León, 1983.

O Antigo Café Moderno de Pontevedra, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2001.

CARRO CELADA, J.A.: "La imprenta musical de Ángel Julián (taller de artes gráficas de Astorga)", en El Faro Astorgano , agosto, 1997.

VALLEJO FLÓREZ, A.: La pintura leonesa en la transición del siglo XIX al siglo XX , Ediciones Lancia, 1989.

Ver menos