Asorey González, Francisco

  (Cambados, Pontevedra  1889 -  1961)
  Web artista: http://www.franciscoasorey.es/

Francisco Asorey González foi o impulsor da revitalización da escultura galega durante as primeiras décadas deste século e o escultor da xeración Nós. Atraído dende moi novo por este oficio, o seu pai enviouno á escola de artes e oficios de Sarriá, en Barcelona, onde se formou xunto ao escultor Parellada. Este período serviralle para vivir de cerca o Noucentisme e as inquietudes renovadoras fronte ao modernismo imperante. Posteriormente trasladouse a Baracaldo como profesor de debuxo e montou un obradoiro de imaxinaría en Bilbao, onde atendeu numerosos encargos de persoeiros vascos. En 1918 asentouse definitivamente en Santiago de Compostela ao obter a praza como escultor anatómico da Facultade de Medicina.

Nos seus inicios adopta unha linguaxe clásica que se transforma, baixo a influencia rodiniana, nunha busca da rotundidade dos volumes claramente expresionistas (sirva de exemplo a súa interpretación dos Burgueses de Calais de Rodin en Os Cabaleiros Negros do ano 1915).

A súa produción evoluciona ao ritmo das novas tendencias. O expresionismo xermánico e o primitivismo son as influencias que, xunto ás reminiscencias medievais compostelás, poñen ao servizo do tema costumista, imperante nas súas obras dos anos 20. A este período pertencen as súas pezas máis coñecidas e características do seu estilo, aínda influenciado por Rodin e a arte social de Meunier. Naiciña (1919) e O Tesouro (1925) son dous exemplos desta época. Trátase de tallas de madeira policromada que recollen a tradición da imaxenaría. Mulleres con indumentaria e trazos galaicos que configuran a chamada "esencia racial" e falan dunha realidade e uns valores propios da identidade de Galicia. Esta temática entronca coa tendencia coetánea cara aos "nacionalismos hispánicos" e convértese, na obra de Asorey, nun auténtico canto á raza galaica. O realismo dos trazos dota ás figuras de vitalidade, e esta forma de entroncar tradición e vida reinterprétase nunha nova escultura galega. Asorey trata de sacar o maior partido expresivo do material no que traballa ben sexa madeira, granito ou bronce. Nas tallas polícromas chega a introducir obxectos prefabricados como as placas de latón dos zocos aldeáns.

Recibe tamén encargos para facer monumentos civís, escultura funeraria e retratos, nos que destaca o estudo psicológico herdanza da plástica rodiniana. 

En 1930 trasladouse de Caramoniña -xunto ao mosterio compostelán de Santo Domingo de Bonaval- ao seu novo taller de Santa Clara, máis afastado da vida compostelá e con máis posibilidades espaciais. A esta época pertence a Virxe do Tanxil en Rianxo e o Monumento de Curros Enriquez na Coruña, onde introduce a poética da oquedade. Asorey xoga coa materia, que produce volumes evocadores de formas arcaizantes. As obras posteriores decántanse cara este modo de traballar os materiais. As liñas esquemáticas tenden cara unha concepción arquitectónica da escultura e un intenso expresionismo que caracterizan este período relacionado co postcubismo.

Despois da 2ª Guerra Mundial  e a Guerra Civil española xurdiu no mundo da arte unha concepción neohumanista que Asorey presentou a través de imaxes da vida popular galega. O material convértese nun símbolo da terra e cobra un protagonismo inusual na súa obra. Agora traballa a madeira sen empastes, polo que se pode percibir a súa presenza incluso despois de ser pintada. Unha das últimas obras do autor é La Piedad (1944) destinada ao Panteón de Gallegos Ilustres de Bos Aires onde retoma o mundo románico e os acentos primitivistas das súas primeiras obras. Neste período intercálanse os encargos de esculturas conmemorativas onde o seu estilo se tinxe de acento grandilocuente e monumentalidade tan ao gusto da época.

Francisco Asorey faleceu en Santiago de Compostela o 4 de xullo de 1961.

ALIX, J.: Escultura Española 1900-1936  (catálogo), Madrid, 1985.

Arte Gallego en Caixa Galicia (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1992.

BOZAL, V.: Arte del siglo XX en España, Tomo 1, Espasa Calpe, Madrid, 1995, pp. 148-150.

CALVO SERRALLER, F. (dir.): Enciclopedia del Arte Español del siglo XX, Mondadori España, Madrid, 1991.

Centenario Francisco Asorey (catálogo), Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 1989.

Enciclopedia Galicia Arte. Arte Contemporánea, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1993.

GARCIA IGLESIAS, J.M.: Medio século de arte galega, Semana de Galiza, Lisboa, decembro 1991.

MARIN MEDINA, J.: La Escultura Española Contemporánea 1800-1978, Madrid, 1978.

Medio século de Arte galega, (catálogo), Consellería de Cultura e Xuventude, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.

OTERO TUÑEZ, R.: El escultor Francisco Asorey, Santiago, 1959.

SOBRINO, M.L.: La Edad Contemporánea. Historia del Arte Gallego, Alhambra, Madrid, 1982.

Ver menos