Viñes, Hernando

  (París  1904 -  1993)

Naceu e creceu nun ambiente intelectual e artístico. Era fillo dun enxeñeiro de orixe catalán e a súa nai era unha das fillas de Marco Aurelio Soto, expresidente da República de Honduras.

En 1915 trasladouse coa súa familia a Madrid, onde estudou no Liceo Francés, ao tempo que recibía clases de violín e comezaba a realizar os seus primeiros debuxos. Tres anos despois regresaron a París, onde Viñes lles fixo saber a seus pais a intención de dedicarse á pintura. Ante esta decisión, seu padre levouno a visitar a Picasso, amigo seu, ao que impresionou cos seus debuxos. Este animouno a seguir na profesión, a pesar da súa curta idade -naquel momento tiña 14 anos-, e  aconselloulle que cursase estudos nunha escola especializada. Picasso convertiuse dende entón na figura de referencia para a traxectoria artística de Viñes.

Foi alumno de Maurice Denis e Georges Desvallières na Académie d'Art Sacre, e posteriormente frecuentou as clases de debuxo da Grande Chaumière en Montparnasse, onde coñeceu á súa futura esposa Lulú Jourdain. Completou a súa primeira formación traballando nos estudos do exfuturista Gino Severini e de Andre Lhote, que o familiarizou cos novos postulados do cubismo. As influencias destes dous mestres evidéncianse na pintura de Viñes ata os anos 60', mentres as obras deste período, 1921-1925, levan a marca cubista.

Grazas a seu tío, Ricardo Viñes, afamado pianista e compositor, Hernando puido relacionarse con personaxes como Debussy, Satie, Ravel, Odilon Redon, Albéniz ou Manuel de Falla e integrarse neste medio. En 1923 colaborou con Manuel Ángeles Ortiz e Hermenegildo Lanz nos decorados e o vestiario de El Retablo de Maese Pedro, de  Falla. Nesta época a súa pintura atravesou unha breve fase clasicista, influida por Picasso.

Da man de Luís Buñuel, coñeceu o Surrealismo, corrente que se viu reflexada nas pinturas de Viñes entre 1926 e 1927, pero sen chegar a callar no seu estilo. Nesta época expuso de maneira colectiva xunto a Picasso, Beaudin, Bores e Fenosa, realizando a súa primera individual en 1928 na Galería Percier de París. Nos cadros de 1929 e 1930 obsérvase a súa estreita proximidade con Bores, mostrándonos a fugacidade das cousas, a poesía e melancolía.

En 1931 casou con Lulú Jourdain. A partir de entón a súa obra toma un matiz intimista e sensual, apartándose cada vez máis do cubismo e achegándose á pintura dos fauvistas (Matisse, Marquet, Bonnard ou Vuillard) que se traduce nunha pintura, cargada de luminosidade e dun cromatismo intenso.

Os acontecementos da Guerra Civil fixeron que Hernando Viñes se comprometese coa causa republicana, sendo un dos artífices do Pabellón de la Exposición de París de 1937, e participando en numerosas iniciativas antifranquistas da posguerra. Estas actividades teñen como consecuencia a diminución temporal da súa produción artística.

Durante o seu exilio, de máis de 30 anos, alcanzou a madurez creativa, a súa pintura fíxose máis densa e as súas cores máis intensas, reflectindo a desolación e a angustia da II Guerra Mundial. No entanto, comezou aquí un difícil período de 15 anos no que, aínda que non abandonou a pintura, non podía vivir dela, véndose obrigado a dar clases particulares de guitarra para poder subsistir.

En 1965 aceptou a proposición do Ministro de Educación e a Dirección General de Bellas Artes para facer unha gran exposición retrospectiva de toda a súa obra no Museo de Arte Moderno de Madrid. A partir de entón, mediante un contrato coa Galería Theo, expuxo cada ano en Madrid, Valencia e Barcelona. É neste momento cando se formula o seu regreso a España, establecéndose en Madrid, onde pinta numerosas paisaxes da serra madrileña.

En 1984 sufriu unha grave operación quirúrxica, pero non abandonou os pinceles ata 1988, data na que decidiu retirarse. Morreu o 24 de febreiro de 1993 na cidade que o viu nacer.

Arte en España 1918-1994 en la Colección Arte Contemporáneo, Alianza Editorial, Madrid, 1995.

BONET, J.M.: Diccionario de las vanguardias en España: 1907-1936, Alianza Editorial, Madrid, 1995.

BOZAL, V.: Pintura y escultura españolas del siglo XX, Espasa-Calpe, Madrid, 1993.

CALVO SERRALLER, F.: Enciclopedia del arte español del siglo XX, Mondadori España, Madrid, 1991.

CAPARRÓS, M.: "Viñes: pintura intemporal", en La Cultura, diciembre 1999, xaneiro 2000.

Colección Amigos del Centro de Arte Reina Sofía (catálogo), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, 1989.

Colección Arte Contemporáneo (catálogo), Asociación Colección Arte Contemporáneo, Madrid, 1991.

DOMÉNECH, A.: "Hernando Viñes", en Descubrir el Arte, nº 11, Madrid, xaneiro 2000.

Las edades del hombre. El contrapunto y su morada (catálogo), Junta de Castilla y León, Salamanca, 1993.

Españoles en París: las vanguardias (catálogo), Junta de Andalucía, Caja de Granada, Granada, 2002.

GOBIN, A.: Hernando Viñes, Editions Isabelle Boisgirard-Association Hernado Viñes, París, 1987.

MIERMONT BEAURE, J.: Luz, color y poesía de Hernando Viñes, Cuadernos de Arte del Museo de Bellas Artes de Santander, Santander, 1986.

Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (catálogo), Ministerio de Cultura, Madrid, 1992.

Picasso, Miró, Dalí y los orígenes del Arte Contemporáneo en España, 1900-1936 (catálogo), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, 1991.

Retrospectiva 1927/1983. Hernando Viñes (catálogo), Fundación Telefónica, Madrid, 2000.

H. Viñes. Obras 1927-1970 (catálogo), Galería Theo, Valencia, 1991.

Ver menos 

Obras do artista