Díaz Pardo, Isaac

  (Santiago de Compostela  1920 - A Coruña  2012)

Naceu na Casa da Tumbona, na rúa das Hortas de Santiago de Compostela. Dende neno estivo moi vinculado ao ambiente artístico, xa que comezou traballando co seu pai, o pintor, ilustrador e escenógrafo Camilo Díaz Baliño. Foi no seu taller onde coñeceu a Castelao, Constantino Candeira, José Silva, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Blanco-Amor. Cando Isaac estaba estudando o bacharelato, axudou ao seu pai na realización de carteis de propaganda do Plebiscito de Autonomía. Ao estoupar a Guerra Civil en 1936, arrestaron a Camilo Díaz, asasinándoo pouco despois en Palas de Rei (Lugo). Tras este suceso, Díaz Pardo viuse obrigado, a esconderse durante meses na casa do seu tío Indalecio na Coruña. Un ano máis tarde comezou a traballar nunha empresa de pintura industrial coruñesa para gañarse a vida.

En 1940 obtivo unha bolsa da Deputación Provincial coruñesa que lle permitiu iniciar os estudos de Belas Artes na Academia de San Fernando en Madrid, aínda que un ano antes xa expuxera por primeira vez na Asociación de Artistas da Coruña. Durante a súa estanza en Madrid, visitou a cotío o Museo del Prado, onde tomou numerosas notas para realizar as súas pinturas. A partir deste momento, Díaz Pardo, comezou a dedicarse de forma profesional á pintura. A bolsa Conde de Cartagena permitiulle realizar unha viaxe por Italia e coñecer o Renacimiento italiano, e os seus pintores que influíron notablemente na súa obra. 

Entre 194-43 traballou como profesor auxiliar de debuxo da Escuela de Bellas Artes de San Jordi de Barcelona, e no ano 45 casou coa coruñesa Carmen Arias Montero, que tamén realizara estudos na Academia de San Fernando. Esta foi a época máis prolífica na pintura de Isaac Díaz Pardo. Sen embargo, e a pesar destes comezos prometedores, a súa traxectoria pictórica foi curta, con dous momentos ou etapas diferenciadas que decidiu cerrar en 1948.

As súas primeiras obras, marcadas polo clasicismo, son composicións nas que o tema central é a figura humana, recreada en amplos volumes, e con gran protagonismo do debuxo. Na segunda etapa, os seus cadros perden o clasicismo a medida que van conectando co ideario renovador, reflectindo una maior preocupación social que en ocasións chega á denuncia.

Un ano despois de abandonar a pintura iniciouse o proxecto de Cerámicas do Castro, fundado en O Castro de Samoedo, en Sada (A Coruña) unha fabrica que serviu de laboratorio, usando os materiais e a experiencia da antiga fabrica do século XVIII en Sargadelos, un dos primeiros exemplos do industrialismo capitalista na península.

En 1955 viaxou a Arxentina, concretamente a Magdalena, onde creou unha nova empresa de cerámica. Esta viaxe foi fundamental para relacionarse cos artistas galegos no exilio como Luís Seoane, Rafael Dieste, Arturo Cuadrado ou Lorenzo Varela, e poder constituír con Luís Seoane o Laboratorio de Formas de Galicia, dedicado á futura creación dunha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia, das cales faranse reais, na década dos 70, o Complexo de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, Edicións do Castro, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, ou o Seminario de Estudos Galegos.

Ademais de todas estas actividades tamén cultivou o ensaio, a crítica, o teatro e realizou numerosos artigos periodísticos, principalmente de historia contemporánea e economía, traballos que meritaron os numerosos premios recibidos como La Medalla de Oro da cidade de Santiago de Compostela en 1988, e o Premio das Artes e das Letras da Xunta de Galicia en 2003, entre outros. Así mesmo, foi nomeado Douctor Honoris Causa polas Facultades de Bioloxía e Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela en 1992, e en 2001 Arquitecto Honorífico do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Morreu na cidade de A Coruña no ano 2012.

9 pintores galegos (catálogo), Galería Quijote, Madrid, 1967.

Artistas Galegos: pintores (posguerra I, figuracións). Isaac Díaz Pardo, Nova Galicia Edicións, Vigo, 2002.

Colección de Arte Xunta de Galicia (1986-1993) (catálogo), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1995.

A creación do necesario. Aproximacións ó deseño do século XX en Galicia (catálogo), Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), A Coruña, 2004.

FRANCO, C.: "Díaz Pardo, un pintor á contra de si mesmo", en La Voz de Galicia, Suplemento Culturas, 9 de outubro de 2004.

Galicia: Tradición e Deseño, Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Cultura, Santiago de Compostela, 1991.

GONZÁLEZ GARCÉS, M.: "Díaz Pardo, Isaac", en Gran Enciclopedia Gallega, tomo IX, Ed. Silverio Cañada, Santiago de Compostela, 1974-2000.

Isaac Díaz Pardo. Obra cartelística (1936-1999) (catálogo), Espiral Maior, A Coruña, 2000.

Isaac Díaz Pardo (catálogo), Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1990.

Isaac Díaz Pardo nos fondos da Colección Caixa Galicia (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2004.

"Isaac Díaz Pardo", en Arte y Parte, nº 4, agosto-setembro, 1996.

A mares: o espello do mar na arte galega dos séculos XIX e XX (catálogo), Museo do Mar de Galicia, Vigo, 2003.

MARTÍN VELÁZQUEZ, C.: Autorretrato: el pintor ante su imagen (catálogo), Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1997.

MON, F.: Renovadores da pintura galega (catálogo), A Coruña, 1982.

PABLOS, F.: A Pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias, Nigratea, Vigo, 2003.

SEOANE, X.: "Isaac Díaz Pardo", en Artistas Galegos. Pintores. Posguerra I: Figuracións, Nova Galicia, Vigo, 2000, pp. 296-333.

SOBRINO MANZANARES, M.L.: O Século XX. Imaxes de Arte en Galicia, Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1991.

SOBRINO MANZANARES, M.L.: "La Edad Contemporánea ", en Historia del Arte Gallego, Editorial Alhambra, Madrid, 1982.

Ver menos