Miró, Joan

  (Barcelona  1893 - Palma de Mallorca  1983)
  Alias: Miró, Joan

Nos seus comezos, Miró alternou os seus estudos na Escola de Belas Artes cos de comercio. As dificultades económicas da súa familia obrigárono a abandonar a pintura, pero tras caer enfermo e retirarse a Mont- Roig, retomou de novo a súa gran vocación. En 1918 presentou nas barcelonesas galerías Dalmau a súa primeira exposición individual. Anos despois viaxou por vez primeira a París onde tivo lugar o seu tan esperado encontro con Picasso. Ao ano seguinte, en 1921 celebrouse a súa primeira exposición individual na capital francesa, na Galerie La Licorne, onde Picasso adquiriu unha das súas obras.

Foron anos de gran ebulición artística nos que, a través de André Breton, Paul Eluard e Louis Aragon, Miró se relacionou co Movemento Surrealista. Levou dende aquela a cabo unha intensa actividade artística achegándose ás distintas técnicas plásticas, dende pintura, escultura, debuxo, gravado, ilustración, cerámica ou o deseño do vestiario e a escenografía de ballets. Tanto el como Jean Arp, aínda que non compartían a decisión política tomada por Breton, continuaron participando con interese nas exposicións surrealistas. En 1928 expuxo na Galería Bermheim de París, onde adquiriu varias obras o MoMA. Comezaba así a relación de Miró con América, determinante para a consagración da súa obra e onde exporía de forma case consecutiva na neoiorquina galería Pierre Matisse.

En 1937 participou no pavillón da República española na Exposición Internacional de París onde levou a cabo o seu popular cartel Aidez l'Espagne. Anos máis tarde participou na famosa exposición organizada por André Breton e Marcel Duchamp Le Surréalisme en 1947: Exposition Internationale du surréalisme, na Galerie Maeght de París. En 1956 trasladou a súa residencia para establecerse definitivamente en Palma de Mallorca. Desenvolveu a partir daquela unha prolífica actividade expositiva, destacando numerosas exposicións homenaxe e retrospectivas celebradas en vida do artista, como son as presentadas no MoMA de Nova York (1941, 1959, 1973 e 1983), no Musée National d'Art Moderne de París (1962), nos museos de Arte Moderno de Tokio e Kioto (1966) ou o Museo Español de Arte Contemporáneo (1978).

Dende os anos trinta, Miró afianzou a súa fama parisiense expoñendo nas principais galerías e museos, á vez que as súas obras ían integrando as mellores coleccións do mundo como foron as de Marie Cuttoli, Rosenberg, Vizcondesa de Noailles ou Doucet, entre outras. Este recoñecemento internacional chegoulle tamén por parte dos pintores e os críticos, sendo os seus amigos os poetas quen escribirán os mellores textos que existen sobre o artista. Pero Miró non se limitou ao recoñecemento europeo senón que transcendeu as fronteiras perdurando ata a actualidade como un dos máis grandes mestres da arte do século XX.(José I. Abeijón- Mirian Sainz de la Maza)

Ver menos