González, Julio

  (Barcelona  1876 - Arcueil, Francia  1941)
  Alias: González, Julio

Julio González naceu no seo dunha familia de forxadores. Dende moi neno colaborou no obradoiro familiar, actividade que combinou xunto a seu irmán Joan cos estudos na Escola de Belas Artes de Barcelona. Xa daquela ambos os irmáns decidiron ser pintores e frecuentaron os foros da modernidade de Barcelona, e en 1900, ao pouco tempo de morrer seu pai, cerraron o obradoiro familiar e trasladáronse con toda a familia a París. Aí Joan e Julio González introducíronse nos círculos artísticos ata que a prematura morte de Joan en 1908 sumiu a Julio nunha fonda depresión. O artista illouse do ambiente cultural, producindo só obras sobre papel e esporadicamente óleos que representaban campesiñas dentro do gusto mediterraneista da "Renaisença" catalá de principio de século.

Durante a primeira Guerra Mundial colaborou coa causa francesa traballando na fábrica de Renault, onde aprendeu a técnica da soldadura autóxena, feito determinante para a súa futura carreira como escultor. Aínda que sabía traballar o metal, non utilizou estes coñecementos e seguiu centrándose na pintura e o debuxo, ata que en 1927 comezou a realizar as súas primeiras obras en ferro, herdeiras da estética cubista. Isto sucedeu un ano antes de que Picasso chamase a González xa que necesitaba dos seus coñecementos para levar a cabo unha escultura de metal. Esta colaboración foi o detonante para o verdadeiro comezo da carreira de Julio González como escultor e para o nacemento dun novo concepto que revolucionou a escultura. Di Calvo Serraller ao respecto: "Foi daquela cando se comezou a comprender que a escultura do século XX podería ser, dunha maneira máis directa e radical que calquera outro arte de vangarda, calquera cousa".

A carreira escultórica durou moi pouco, xa que Julio González morre en 1942; no entanto, a importancia do seu achado transcendeu máis aló da súa vida, sendo o mestre dos grandes escultores do século XX. Esta revolución faise evidente cando Julio González acuñou a expresión "debuxar no espazo", onde nos indica que este é o medio, é onde se realiza a escultura, elemento tan activo como o material esculpido.(José I. Abeijón-Mirian Sainz de la Maza)

Ver menos