Puente, Rogelio

  (La Habana  1936 - A Coruña  1996)
  Movimiento/Escuela: Hiperrealismo

Nace na Habana, Cuba, pero na súa adolescencia trasládase á Coruña, cidade da que proviña a súa familia. Estuda Dereito en Santiago e posteriormente Arquitectura e Artes Decorativas en Madrid. Viaxa por Inglaterra, Francia e Italia interesándose pola pintura e chegando a ser un dos pintores realistas máis recoñecidos.

 A súa pintura móvese dentro dun hiperrealismo que reflecti fielmente os ambientes decadentes e melancólicos sempre tinxidos dun carácter intimista. Este intimismo é, xunto cos efectos da luz, o brillo e os reflexos, un dos trazos principais da súa pintura. Para Rogelio Puente o mundo está xa feito, pero hai que conseguir que a súa expresión lle fale a cada un. Para iso o tema é importante e, segundo as súas palabras, na pinturas sérvese do "sfumato", da disolución atmosférica dos "duros" contornos das cousas. Non emprega o silueteado, o perímetro, a liña negra delimitativa; substitúe o negro polo verde, o azul, o vermello, calquera cor que lle dea autonomía ao obxecto dentro do entorno.

O propio artista recoñéciase non coma un esteta, senón  como alguén que intenta captar as cousas tal como sobreviven co paso do tempo. Todo ten que evocarlle algo; encántanlle os invernadoiros pola súa etérea atmósfera e pola súa luz especial, pero tamén gusta de facer "retratos" plasmando neles o que el ve, non só trazos reais, senón ese "halo" especial suxerido ao autor polo retratado.

Expón en Pontevedra, Bilbao, Madrid, Xenebra, Nova Iork, Río de Xaneiro, Brasilia, Sao Paulo, Porto Alegre, Bahía, Vigo, México, Santo Domingo, Santiago de Compostela, Lorient, A Coruña, Bos Aires, Vilanova de Cerveira, Porto, Santander, Lisboa, etcétera, e na "Wally Findlay Galleries International" de Nova Iork expón a súa obra de forma permanente.

As súas pinturas forman parte ademais de importantes coleccións privadas, destacando entre elas a do Palacio da Zarzuela, e tamén públicas, tales como: a do Concello da Coruña, Deputación da Coruña, Colección de arte Afundación, Fundación Domecq (México), Museo de Arte Contemporáneo de Santiago, Museo de Castrelos, Vigo, etcétera.

AMÓN, S.: "El inventario general de Rogelio Puente" (catálogo), Consellería de Cultura e Deportes, Concello da Coruña, 1998.

Artistas Galegos: pintores (realismos). Rogelio Puente, Nova Galicia Edicións, Vigo, 2002.

CONDE, A.: "Vangardas e Silencios" (catálogo), Consellería de Cultura e Deportes, Santiago de Compostela, 1988.

CORREDOIRA, P.: "Lembranza dun amigo" (catálogo), Dirección Xeral de Promoción de Cultura e Comunicación Social, Santiago de Compostela, 1997.

Galicia Arte. Arte Contemporánea I, Hércules Ediciones, A Coruña, 1993.

GARCÍA IGLESIAS, J. M.: "Vangardas e Silencios" (catálogo), Consellería de Cultura e Deportes, Santiago de Compostela, 1988.

HUICI, F.: "Espellos enfrontados" (catálogo), Dirección Xeral de Promoción Cultural, Consellería de Cultura e Comunicación Social, Santiago de Compostela, 1997.

Medio século de Arte galega (catálogo), Consellería de Cultura e Xuventude, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.

PABLOS, F.: A Pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias, Nigra Trea, Vigo, 2003

"Otros Desnudos. El arte gallego entre dos generaciones: 1920-1950" (catálogo),  Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1996.


Rogelio Puente, Colección Grandes Pintores, Deputación Provincial da Coruña, 1995.

SUÁREZ, I.: "Rogelio Puente, retratos al óleo ", Deputación da Coruña, 1995.

Ver menos