Quessada, Xaime

  (Ourense  1937 - Ourense  2007)

Xaime Quessada naceu en Ourense o 14 de xullo de 1937, fillo menor de Heriberto Quesada, funcionario do Corpo Técnico de Facenda e de Teresa Porto, profesora de piano. Tras a repentina morte do pai, os horrores e a miseria que trouxo consigo o levantamento fascista acentuaron as dificultades ecónomicas da familia. Non era bo estudante polo que abandonou progresivamente os estudos ao tempo que se dedicaba máis aos seus debuxos e á pintura.  Esta vocación manifiestouse dende moi cedo, pintando xunto aos seus irmáns. Comezou debuxando para revistas e periódicos como Cultura y Arte.

Decidiu irse estudar a  Madrid, onde coñeceu os ambientes artísticos de mediados dos cincuenta e tamén os sectores máis activos da oposición á ditadura. En 1956, ingresou na Escuela de Bellas Artes de San Fernando.  En 1959 viaxou a París e Alemaña. Ese mesmo ano outorgáronlle a medalla de ouro das Escuelas de Bellas Artes Pensionados del Paular, e tamén recibiu o Premio Extraordinario da II Exposición Nacional de Arte Juvenil de  Madrid, ao regreso  dunha das súas viaxes á capital francesa. 

Expuso por primeira vez en Galicia na  Agrupación Cultural "O Galo" de Santiago de Compostela en 1960, baixo o título "Veinte  Pintores Galegos". Ao finalizar os seus estudos, Quesada viaxou por Asia, Europa e África, e participou nas Bienales de París , na Joven Vanguardia Europea e no grupo dos "Abstractos Europeos " da galería Guy Dór Ekkens de Amberes en 1961.

De volta a Galicia formou xunto a Acisclo Manzano e Xoan Luis de Dios o grupo "Volter", chamado así en recordo de Vicente Risco, promotor do grupo ourensán "Os Artistiñas", anterior a eles.En 1967 fundou o grupo "7 artistas galegos", utilizando o pseudónimo de Cibrao de Cachamuiña. O grupo estaba composto polos integrantes de "O Volter", os escultores Arturo Baltar e Manuel García Buciños, e os pintores Virxilio Fernández e Xavier Pousa. Tras unha longa viaxe por Exipto o grupo separouse e só seguiron expoñendo xuntos os compoñentes de "O Volter".

 Respecto á súa actividade política, fundou xunto a Méndez Ferrín e Celso Emilio Ferreiro a  Unión do Pobo Galego de Ourense, con sede no vello casón no que habitara na súa nenez.  En 1968, abandonou a U.P.G. para ingresar no Partido Comunista de Galicia. Á morte de Franco, abandonou tamén o P.C.. Durante a ditadura estivo varias veces en prisión: en 1968 foi procesado por inxurias ao Xeneral Franco e ao Tribunal de Orde Pública (T.O.P.), sendo pechado en Carabanchel. En 1969 foi detido en Ourense por disturbios políticos, e durante o Proceso de Burgos detivérono de novo por pecharse na Catedral para pedir a abolición do garrote vil. Este activismo político influiu na súa produción, que inclúe destacadas incursións no campo das artes gráficas revolucionarias. 


Viaxou sucesivamente a Grecia e Italia para aprofondar no coñecemento do Renacemento. En Florencia estudou Litografía. Instalouse unha temporada nas Illas Baleares, viviu o "Maio francés" e antes de regresar a Galicia pasou unha breve temporada en Madrid. Foi a México invitado pola revista galega Vieiros, impulsada por Luis Soto e Carlos Velo. Expuxo no Museo Nacional de Arte Contemporáneo e coñeceu a Siqueiros e Tamayo Cuevas. De México decidiu trasladarse a E.E.U.U., instalándose en Nova Iork. 


En 1972 regresou da súa experiencia americana algo desilusionado. Traballou para Serigrafía Gallega, da que é membro fundador, seguiu expoñendo en galerías e participou nunha mostra colectiva de artistas españois en Milán . Neste ano casou coa arquitecta Mª Xesús Blanco Piñeiro coa que tivo un fillo. Fóronse vivir ás aforas de Ourense, onde construíron a súa casa e obradoiro en Vila dos Tres. 


Entre 1972 e 1975, último período do goberno franquista, traballou de grafista en varias publicacións clandestinas. No P.C.G. foi onde tivo unha actividade máis ampla no terreo do cartelismo. Esta época coincidiu cunha serie de obras de pintura erótica.  Tamén empregou o grabado como medio de comunicación, e en 1976 Quessada traballou intensamente nunha serie de grabados que Akal publicaría ao ano seguinte chamada Imaxen Surreal de Galicia.  Esta serie componse de 57 grabados en 45 láminas e versa sobre a Historia de Galicia, dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea. Con todo, o resultado non foi ben acollido polo autor. Pouco despois ilustrou Historia de Galicia de González López, e en 1998 volveu a realizar unha incursión na literatura coa novela Loucenza. A finais dos setenta as formas das súas obras evocan ás de Picasso e en ocasións tórnanse goiescas.


Tras dedicarse a investigar as tendencias informalistas e abstractas, os anos 80 van ser a reafirmación de toda a obra do artista. En 1983 pintou xunto a Vidal Souto o cárcere de Ourense. Tamén traballou como ilustrador e cartelista, e deseñou estampados para a colección de roupa de 1986 do tamén ourensán Roberto Verino. Ese mesmo ano pintou, baixo encargo do PCG, un mural Anti-OTAN  de 25m de lonxitude e 2m de altura para a Plaza de Armas de Ferrol. A obra, que mostraba unha gran explosión nuclear no centro e os seus efectos destrutivos para a xente, ao estilo do Guernica de Picasso, causou gran axitación en determinados medios de comunicación. O PCG donoulle o mural ao Concello de Ferrol tras ser exposto en Madrid. Hoxe en día encóntrase almacenado nas dependencias do Concello. Así mesmo decorou o teito abovedado do Teatro Principal de Ourense ao estilo Nouveau finisecular. 


A principios dos noventa Quessada pasou algúns anos de silencio mediático que se rompeu a mediados desa década. Dende entón viviu inmerso nunha profunda actividade creadora e de investigación sobre diferentes disciplinas. A obra desta etapa, que chega ata os nosos días, mantén as constantes estéticas e éticas da súa vida artística, ata a súa morte segue mantendo as constantes estéticas da súa traxectoria.

Artistas Orensanos (II), Revista da Deputación Provincial, Ourense. 1977. 

Acisclo/Quessada. Busquedas y encuentros Concello da Coruña, A Coruña, 1992.

AREÁN, C:. Treinta años de arte español (1943 - 1972), Guadarrama, Madrid, 1972.

CALVO SERRALLER, F.: Enciclopedia del arte español del siglo XX, Mondadori España, Madrid, 1991.

CAMÓN AZNAR: 25 años de Arte Español, 1964.

Galicia hoxe, Galicia sempre. Acisclo. Quessada (catálogo), Parlamento de Galicia, Santiago de Compostela, 1997.

Los gallegos. Istmo, Madrid, 1976.

CAMPOY, A.M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo Íbérico Europea de Ediciones, Madrid, 1973.

CASTRO, A.: Arte Galega.Xunta de Galicia, 1989.

Galicia Arte. Arte Contemporánea, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1993.

GARCÍA BODAÑO, S.: Gran EnciclopediaGallega vol. 26, 1985.

GARCIA IGLESIAS, J.M.: Quessada. Volumen III de "Artistas Ourensanos ", Publicacións da Deputación Provincial de Ourense, Ourense, 1987.

GARCÍA IGLESIAS, J.M.: O presente de Quessada e Acisclo coa Galicia de sempre como fondo, Parlamento de Galicia, Santiago de Compostela, 1992. 

LÓPEZ VAZQUEZ,  X.M.: "El arte contemporáneo ", en Enciclopedia temática de Galicia, Nauta, Barcelona, 1988.

Medio século de Arte galega (catálogo), Consellería de Cultura e Xuventude, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1991.

MON, F.: Pintura Contemporánea en Galicia,  Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1987.

OTERO PEDRAYO, R.: Orense , Caixa de Aforros de Ourense, Ourense, 1962.

PABLOS, F.: A Pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias, Nigra Trea, Vigo, 2003

PABLOS HOLGADO, F. : Xaime Quessada, Madrid, 1981.

Plástica gallega, Caixa de Aforros de Vigo, Vigo , 1981.

PLAZA MOLINA, G.: Arte en Galicia. La década del boom (1970-1980), Edicións do Castro, OCastro (Sada, A Coruña), 1981.

Quessada, Arte e Compromiso, 1962-1997 (catálogo), Fundación 10 de Marzo, Santiago de Compostela, 1997.

Quessada. Arte gallego  en Europa,  tomo II,  Nova Galicia, Vigo, 2003.

Renovadores da pintura galega, 1945-1982, Concello da Coruña, A Coruña, 1983.

SOBRINO MANZANARES, M.L.: "La Edad Contemporánea ", en Historia del Arte Gallego, Alhambra, Madrid, 1982. 

SOTELO BLANCO, O.: Conversas con Xaime Quessada, Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 1992

Xaime Quessada, última obra, Deputación Provincial de Ourense, Ourense, 1997.


Ver menos