Antinoo

Antinoo. Isidoro Brocos

  Registro: 1029

  Dimensións: 20 x 13 cm

  Técnica: lapis sobre papel

  Categoría: academicismo

Comentario:

Debuxos que  pertencen aos cadernos que Brocos confecciona durante as súas viaxes (París, Roma, etc.) nos que relataba, a modo de instantánea e como recordatorio, todo o que lle chama a atención. Nestes cadernos aparecen bosquexos das esculturas nos museos, vistas da cidade, persoas na rúa, etc.

No anverso do papel hai un apuntamento feito a lapis dunha escultura de Antinoo como Dionysos da época de Adriano pertencente ao Museo Vaticano de Roma. Neste caso interésalle a idea da composición da obra, só debuxa a cabeza e parte do torso, enfocados dende o ángulo inferior do seu lado esquerdo. Gran detallismo tanto na anatomía, debuxada e matizada con gran suavidade, como nos detalles da vestimenta e peiteado. Utiliza un fondo difuminado co lapis para resaltar a figura, perfectamente encadrada no papel.

No reverso, aparece un espido masculino de pé. Sostén na súa man esquerda unha lanza que apoia no chan. A postura é un tanto forzada. O brazo dereito elevado ata a altura do cóbado e a man que cae sobre a cabeza creando tensión no costado esquerdo. O pé dereito está semiapoiado no chan e algo proxectado cara atrás. O brazo esquerdo tamén está dobrado. A composición equilíbrase a través da inclinación do torso cara a súa esquerda. Debuxo traballado con trazos rápidos. Claroescuro centrado na curva do torso, na parte inferior do papel e a sombra que proxecta a lanza sobre o corpo. A anatomía non está tan marcada como noutros traballos sobre espidos.