Conversa na praia

Obra Conversa na praia de Luis Seoane

  Dimensións: 73 x 92 cm.

  Técnica: Óleo sobre lenzo

Comentario:

Na obra dos seus últimos anos prodúcese unha volta á calma, ao sinxelo, ao lirismo das formas. En Conversa na praia os trazos de vigor expresionista vólvense liñas de ritmo suave, e musicalidade nas formas, ao igual que ocorre noutras obras do mesmo ano, como Muller sentada ou El e ela. Os trazos negros de diferente grosor serven para delimitar e deseñar as siluetas das figuras por medio de doces curvaturas. O tratamento da figuración é moito máis leve e sosegado que en obras anteriores, aínda que as súas figuras continúan sendo de gran volume e maxestuosidade. A composición é clara e sinxela, e a cor aplícase en campos puros e limpos, a base de gamas de violetas e azuis, que se destacan sobre un fondo verde azulado, que contrasta co intenso marrón da area. Aínda que a gama cromática non é tan ampla como noutras ocasións, a paleta utilizada é suficiente para crear unha contraposición harmónica e equilibrada, sen istrionismos. A liña e a cor están totalmente desvinculadas, e son completamente autónomas, creando novos valores construtivos e expresivos por si mesmos: "se acentúo as formas é para resaltar o seu carácter expresivo, e para que adquiran importancia por si mesmas, independentemente de cada valor e da cor"1. Seoane segue rexeitando a tridimensionalidade, e aínda que no fondo simula un horizonte, o resultado segue sendo de planitude. A muller é, como en obras anteriores, a gran protagonista. Neste caso, coloca a tres mulleres sentandas e en animada conversa. O tema xa non é tan importante, a escena non ten ese contido narrativo de antes. Agora as figuras simplemente expresan unha función estética.  

     Nestes últimos anos, faise evidente unha evolución na súa obra, e a pesar de ser un artista que asimilou elementos doutras correntes e artistas da súa época como poden ser Picasso, Matisse, Paul Klee ou Léger, podemos afirmar que Seoane creou un estilo propio e persoal e que soubo atopar unha linguaxe característica que o eleva á categoría dos grandes.


1OTERO VAZQUEZ, C.: "Luis Seoane", Colección Grandes Pintores, Deputación Provincial da Coruña, A Coruña, 1991.