From Schindler's list IV

From Schindler's list IV

  Dimensións: 195x295

Comentario:

    Cando Quintana Martelo ve a película de Steven Spielberg La lista de Schindler, queda moi impresionado, e decide comezar unha serie de pinturas baseadas no feito real que relata a película. A obra que aquí se comenta é a cuarta desta serie, realizada en 1995. Trátase dunha natureza morta, na que crea un contraste entre o hiperrealismo dos obxectos representados sobre a tea, e o fondo desdebuxado, utilizando para isto unha linguaxe poética con connotacións dramáticas. Ademais disto, tamén hai unha contraposición entre a realización da maior parte da composición, en branco e negro, e a superposición dun plano coloreado, evocando os fotogramas da película de Spielberg. Representa o drama do sucedido, pero dende a ausencia de elementos amargos, recorrendo a metáforas, como o trozo de tea a raias, pegado con cinta adhesiva, que recorda aos uniformes dos recluídos, ou os números que destacan sobre o fondo, evocando a numeración que lle daban a cada persoa, tatuándollo no brazo e cosido sobre a súa roupa. O tema da alienación dos seres humanos que perden a súa identidade para verse reducido a un número foi retomado por Quintana na serie To those whose name was just a number. Sobre o pedazo de tea branca hai un plato sucio, manchado de pintura, cun pincel e unha brocha formando unha cruz, e atravesados por unha rosa, que repousa as súas follas más alá da tea, salpicando de cor verde o fondo en branco e negro. O hiperrealismo co que representa estes elementos, contrasta co tratamento expresionista do fondo, dominado por churretes de pintura, borróns, manchas aplicadas velozmente, raiaduras e grafismos.