Nº 079. - O agrario- Como queres que che respete se cheiras á podre?

O agrario- ¿Como queres que che respete se cheiras á podre. Castelao

  Dimensións: 23.6x28

Comentario:

“O agrario —¿Como queres que che respete si cheiras á podre?”

 

Castelao fai unha parodia das palabras sonoras e baleiras de contido como liberdade, igualdade, xustiza, lei e orde. Mostra a verdadeira vida da súa xente, consumida polos impostos e as leis que os afogaban. O recurso de abrir o ventre e mostrar as caveiras reitérase na produción gráfica de Castelao, sacada de La Caída de los Ángeles de Brueghel, na que podemos ver unha ra con patas de galiña desabrochando a barriga e mostrando as ovas que ten dentro, mentres se ri pensando nos fillos que terá. Castelao copia esta escena nun dos seus debuxos, e posteriormente, realiza outro no que converte a ra en muller e os ovos en caveiras, titulándoo Optimismo. Aquí preséntanos unha estatua da lei que tamén mostra as caveiras que leva na súa barriga. É unha representación de toda a podremia que había entón en torno ás leis e á xustiza, e que o autor critica. Posteriormente volve usar o mesmo recurso, na primeira estampa do álbum Galicia Mártir (Valencia, 1937), titulada "Este é o deus dos feixistas", e onde representa un coloso coa cabeza acabada en pico, como a dos cascos dos soldados alemáns da Primeira Guerra Mundial. A figura abre a barriga, ensinando as caveiras que leva dentro, e aos seus pés aparecen pequenas figuras de homes que o saúdan co brazo erguido. O debuxo está inspirado nun cartón de Louis Raemaekers, no que representa a Satán sentado e en actitude pensativa (cada unha das estampas de Galicia Mártir, está baseada nos cartóns de Raemaekers, artista que realizou debuxos de crítica social e que Castelao coñeceu grazas a unha viaxe que realizou por Francia, Alemaña e Bélxica).