Retrato de la señora de Silvela

Obra Retrato de la Señora Silvela. Fernando Álvarez de Sotomayor

  Registro: 1149

  Ano de creación: 1907

  Dimensións: 70 x 52.5 cm

  Técnica: óleo sobre lenzo

  Categoría: impresionismo, academicismo

Comentario:

Retrato de la Señora Silvela é unha das obras de Sotomayor que aínda conserva resavios decimonónicos. Trátase dun retrato sedente onde a protagonista se sitúa no primeiro plano, en posición de tres cuartos, xerando espazo entre ela e o espectador. O pintor sentaa á esquerda do lenzo, para poder abrir, á dereita, unha paisaxe boscosa de tinturas románticas. A muller, elegante, monumental e de clase burguesa, lembra ás protagonistas dos cadros de Gainsborough. No primeiro plano a luz procede da dereita, e ilumina á modelo. Os brancos do vestido permítenlle xogar cos pregos, e xerar contrastes lumínicos mediante o emprego de sombras coloreadas, ao máis puro estilo luminista. Así mesmo o contraste do branco e o negro nas roupaxes da señora Silvela, remiten á pintura impresionista, onde por vez primeira estes tons se mostraron xuntos e contrastantes. Co fin de recrear a sensación de profundidade, Sotomayor deixa o segundo plano en sombra, para despois iluminar potentemente a paisaxe do fondo e dirixir cara a el a mirada do espectador. Fronte á composición e os motivos, de corte romántico, a técnica demostra os coñecementos do artista sobre a pintura moderna, traballando cunha pincelada miúda e veloz. Este cadro é un exemplo da capacidade de Sotomayor para adaptar o seu estilo ás condicións dos seus clientes, sen renunciar por iso á modernidade que o converte, xunto a Francisco Lloréns nun dos artífices do rexurdir da plástica galega.