S/T

S/T

  Dimensións: 214x368 cm.

  Técnica: Mixta s/ tea

Comentario:

    Esta obra pertence á produción de mediados dos anos 90 e coincide coa súa volta de Nova York e a confirmación dunha maneira expresiva, xestada na serie Art Explorer, que a partir deste momento adquire unha estruturación máis complexa. Trátase dun cadro de grandes dimensións que combina diferentes paneis irregulares. Na parte lateral esquerda conviven un par de ídolos africanos con trozos de pranchas de cores. No panel central o protagonismo compárteno o fondo natural do lenzo, unha mancha augada de pintura amarela tocada cun penacho de arame e un novo trozo desa lámina colorista, mentres no extremo dereito unha prancha recuberta de pintura negra adquere unha textura similar á da terra, como propiedade dunha casa, modelada tamén con arame.

    Carbajo utiliza elementos iconográficos antagónicos: entre o primitivo e o que entendemos como fragmentos simbólicos da modernidade occidental (restos de carteis publicitarios), creando as súas obras mediante a técnica do colaxe. Os diferentes elementos asócianse entre si de acordo a unha serie de reglas pictóricas e cromáticas estritas. O artista traballa sobre a forza polisémica que xurde da combinación do "objet trouvé" cos grafismos espontáneos. Transgrede a estrutura espacial codificada, rompendo a delimitación do marco e dando cancha a un espazo plástico máis aberto. Aplica o concepto de instalación ao cadro, en resposta a unha ambición arquitectónica que ten unha relación directa co traballo realizado como escenógrafo para varias pezas de danza-teatro.
 
    Neste proceso creativo o xesto pasa a ser un dos principais protagonistas. Tono Carbajo afirma: "es un proceso de gozo puro, sin pensar. Cuando estás con las manos en la masa es totalmente irreflexivo y salvaje. Salvaje en el sentido de libre, claro. (...). La inmediatez, espontaneidad y el accidente (azar) del acto pictórico conviven con una reflexión previa de lo que se va a pintar". 

    O cadro xérase coa sabedoría que o artista, como medium, procesa a partir das enerxías vitais e cosmoloxías doutras civilizacións (africanas, cubanas, aztecas). Segundo Antón Castro, o seu apego a disciplinas como a historia, a antropoloxía e a etnografía, unidas ao coñecemento da semiótica, axúdano a encontrar os nexos de unión entre as diversas culturas. Parte do obxecto e trascende o seu valor utilitario cara ao simbólico e representativo para  "reestructurar. (...) Universo nuevo en el que todo se transforma y nada se destruye, en el que no hay ni principio ni fin sino permanencia"1. Nos seus traballos, Tono intenta capturar o fluxo da vida e o azar cotiá  na pluralidade de conexións perceptivas que xera. Deste modo, as súas obras remítennos a un mundo de reminiscencias dun pasado subxectivo, o do artista, como se se tratasen de cadernos de viaxe.

   


CARBAJO, T.: Tono Carbajo (catálogo), Bolsas de creación artística no estranxeiro Unión Fenosa, Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa, A Coruña, 1996.