S/T

S/T

  Dimensións: 42x40x15 cm c/u

Comentario:

     En S/T María Xosé Díaz introduce por vez primeira as "caixas de luz". Este recurso permítelle xogar co contraste de planos resaltado pola luz, que cobra un maior protagonismo, permitíndolle á obra unha maior autonomía espacial. 1996 é o ano no que a artista afianza o seu traballo e as investigacións levadas a cabo nos anos previos sobre a conxunción exitosa entre materiais orgánicos e industriais e a superposición de planos sobre un elemento xeométrico que lle sirve de base, sostén ou contedor. Este último é o caso de S/T onde cada caixa é o recipiente no que a escultora introduce distintos elementos -que a miúdo remiten á naturaleza- do mesmo xeito que gardamos os nosos segredos e pequenos tesouros, evocadores da memoria. Deste xeito os obxectos de María Xosé Díaz énchense dun contido oculto que nos introduce na intimidade da artista. A súa disposición no interior do contedor responde a unha xeometría que tamén evoca a orde mental de María Xosé e crea composicións de esencia abstracta onde materia e espazo "encuentran su equilibrio"1. Cada caixa está forrada dun material traslúcido que acouta o seu espazo, previamente dividido en planos e animado polos xogos de luces e sombras que xeran volume nun espazo que perde a súa tridimensionalidade para remitir á pintura, unha das grandes devocións da artista. 

1 Cfr. AGAR LÓPEZ: "María Xosé Díaz", en Historia e arte na "Casa grande do Pozo"  (catálogo),  Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2002.