Vases communicants

Max Ernst. Vases communicants

Max Ernst. Vases communicants

  Dimensións: 81 x 65 cm

  Técnica: Óleo sobre lenzo

Comentario:

Os vasos comunicantes pintouse ao ano seguinte de chegar a París, e presentouse dentro do Salon des Independants en 1923, cando se encontra dentro do dadaismo, pero xa apunta cara a un surrealismo ao que lle falta un ano para fundarse. Pertence ao grupo de obras que Louis Aragon chama a “maneira negra”. Nestas obras o fondo é negro e debuxa cunha fina liña branca, coma se fose o xiz sobre unha lousa, e sobre o que destacan en modo sorprendente a cor das flores. O cadro pintouno cando estaba aínda baixo o influxo do pintor italiano Giorgio de Chirico, quen á súa vez foi tamén un dos grandes inspiradores e amigo dos surrealistas, como constata o propio Ernst ao retratalo xunto a Breton, Aragon, Desnos, Peret, Eluars e ao propio artista (entre outros) no seu cadro Au rendez-vous des amis de 1922. En Los vasos comunicantes Max Enrst introduce os vasos nun espazo metafísico- e co chan cunhas raias verticais que foxen cara ao horizonte- segundo os postulados de Chirico. A contundencia e pureza formal dos vasos tamén nos levan ao pintor italiano e ás obras metafísicas que daquela realiza Giorgio Morandi. No entanto as flores e o dado condúcennos a un mundo novo, relacionado co universo onírico surrealista xusto no momento que se está forxando este movemento. É unha obra moi valiosa e particular, quizáis unha das máis surrealistas de Ernst no sentido estrito, explorando uns camiños que posteriormente seguiron outros compañeiros de grupo como Tanguy, Dalí, Magritte, Delvaux ou Domínguez, cando el estaba xa embarcado noutras aventuras estéticas. Curiosamente, e no referente ao feito de anticiparse, hai que sinalar que o título desta obra coincide co dun libro que escribe André Breton case dez anos despois, en 1932, no que establece que os vasos comunicantes son aqueles que restablecen a unidade entre o mundo da vixilia e o do sono. Segundo Breton o importante é "reter da vida esperta o que merece ser retido", pois o mundo real e o do sono son o mesmo, o que nos leva á esencia do movemento surrealista.